Como o desafío de PHoToFRiDaY esta semana é a palabra oddity (singularidade, rareza...) e xa sabemos que o reino animal está cheo de particularidades, ímolles rendir tributo a unha das avis-máis- raris do planeta terra. A eses filántropos soñadores que nos deleitan con xardíns de volvoretas. A eses artistas bohemios que dende o seu paraiso difuminan fronteiras para construir cidades da cultura no cabo da horta.
Escoitando falar a unha señora que dicía, nun alarde de falsa modestia, que vivir nunha casiña xunto do mar tamén é cansino, quedei eu pensando que debía de ser o mesmo que ter unha casiña a carón da autopista :-)
Segundo a teoría da pobre muller toda a música é ruído, polo que tampouco debe ser merecedora de vivir en paraisos terrenais coma este da comarca do Deza ...ou non?
A foto de hoxe non teño mais remedio que adicarlla a Manolo Busto. Ollando no seu blog atopei este post e como, xamáis dos xamáis na vida sería quen de describilas cousas con tanta propiedade como nos ten acostumado el, copio e pego.
"Hai cousa dun mes os castiñeiros mareleaban coa candea, que é así como se chama a flor do castiñeiro, da que logo nacerá o ourizo. Os castiñeiros perfuman os campos cun melífico recendo e os contrastes de verdes e amarelos engalanan aínda máis a donosura das súas copas"