Catro sementales da cultura na horta da SOLAINA DE PILOÑO mais un louco sen colina Miguél Anxo Fernán-vello, Paco Penas, Xosé Vázquez Pintor, Manuel Bragados de Xerais e Paco Lareo
Bah, Rubio, bah, vai vindo, ah, be, súbea, ben, boi, vai ben, bah, guuss, guuss. O corisco non cesa e o nariz arrefría, perde a crica, pinga. Boi recolle. Unha espiga de millo corvo, unha mada de fariña, auga quente, moita sede pasa o boi que tanto cobre, cravea nas matrias, gasta corpo e alma, dá proveito. Pero ten a vista cega. Tráenlle a xuvenca, a das ancas alzadas; e el só lambe, pasa o gume do ceo pola natura perfecta, do trinque; e sente o boi como se molla por dentro: vai por derradeira vez. Afinca cos pés traseiros. Rompe a freba do xamón e doe, sangran as xuntas . Pero Rubio está na cima. Manuel conduce a viaxe do pasador e entra todo e máis ala. Descarga. Descansa sen baixar. Moito son dúas veces. Pero volve. Algo lle di que nunca máis. A xuvenca agradece. Pandea. Abre. Navega en térra firme. ¿Pero soñan as vacas? Os amos son felices. Atenden por acenos. Poden as palabras ser estorbo. E boi sacode. Un lombo estragado que pesa. E a xuvenca avanta uns pasos, alegre cara a fóra, dona da corda ceibe; vira a testa e os ollos, que están plenos de luz e fermosura. Pero boi cae. Ridículo peso morto a se derrubar na terra. Roto o músculo. Non é capaz de enorgu-llecer de volta co seu peso en pé. O ollo dereito permite ver unha miaxa de home duro. ¿Boi? E Rubio tronza. Nunca o anel tocara o chan. Nin se luxaran as ventas coa color da bosta, sen herba. -Vai vello, Manuel. -Vai. -Son os anos, coma nos. -Son. E a xuvenca deu unha puchiña rubia, do fulgor das cervas.